• Inicio
  • Novas
  • Convocatoria proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos 2025

Convocatoria proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos 2025

05/03/2025
O prazo de presentación de solicitudes será do 6 ao 19 de marzo de 2025, ambos os dous incluídos
 RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización (código de procedemento ED534A).

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto convocar a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos correspondente ao ano 2025 na Comunidade Autónoma de Galicia, con código de procedemento administrativo ED534A, conforme se dispón nos artigos seguintes.

Artigo 2. Finalidade e efectos da proba

1. A proba ten por obxecto verificar se as persoas participantes alcanzaron os obxectivos e as competencias clave do bacharelato establecidos no Decreto 157/2022, do 15 de setembro.

2. As persoas participantes que superen a proba poderán solicitar o título de bacharel.

3. No caso de non superación da totalidade da proba, as cualificacións obtidas nos exames e exercicios superados manteranse para sucesivas convocatorias.

Artigo 3. Requisitos

1. Poderán participar nesta proba as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser maior de vinte anos ou facer esa idade no ano 2025.

b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.

c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2024/25.

2. O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria da proba e, se é o caso, dos posibles resultados académicos obtidos nela.

Artigo 4. Data e lugar de realización da proba

1. A proba realizarase en Santiago de Compostela os días 24 e 25 de abril de 2025 no IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.

2. Á vista das persoas inscritas, a Dirección Xeral de Formación Profesional poderá establecer outros centros de seren necesarios para a realización da proba.

Artigo 5. Características xerais da proba e estrutura

1. A proba organizarase de xeito diferenciado segundo as distintas modalidades de bacharelato convocadas e constará de dous exercicios:

a) Primeiro exercicio: consta de cinco exames correspondentes a materias comúns a todas as modalidades de bacharelato.

b) Segundo exercicio: consta de tres exames correspondentes a materias específicas de cada modalidade.

2. Cada persoa participante realizará os exames en que figure inscrita.

3. Os exames de que consta cada exercicio son os establecidos no anexo IV desta resolución.

Artigo 6. Modalidades convocadas

1. A proba convócase para as modalidades de Ciencias e Tecnoloxía e de Humanidades e Ciencias Sociais.

2. Porén, poderán inscribirse na proba e titular pola modalidade Xeral ou de Artes na vía elixida as persoas que estean en condicións de recoñecemento do segundo exercicio conforme o establecido no anexo VI desta resolución.

 Máis información nos institutos da Comunidade autónoma de Galicia 

AnteriorIr ao listadoSeguinte