• Inicio
  • Novas
  • Convocatoria da proba en liña para a obtención do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) no ano 2026 (código de procedemento ...

Convocatoria da proba en liña para a obtención do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) no ano 2026 (código de procedemento PL500G)

15/10/2026
RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2026, da Secretaría Xeral da Lingua, pola que se convoca a proba en liña para a obtención do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) no ano 2026 (código de procedemento PL500G).
 
Obxecto. 
Convocar a proba en liña para a obtención do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) no ano 2026, con código de procedemento administrativo PL500G. 
 
2. Persoas destinatarias e número de prazas. 
2.1. Esta convocatoria diríxese ás persoas maiores de dezaoito anos ou que os fagan antes da data de realización da proba, establecida no número 3. 
2.2. O número de prazas dispoñibles para realizar a proba en liña do Celga 4 será de duascentas (200).
 
3. Data de realización da proba. 
A proba terá lugar o 27 de novembro de 2026, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida.
 
4. Presentación de solicitudes e prazo. 
4.1. As persoas que desexen inscribirse nesta convocatoria deberán presentar dúas solicitudes: unha, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para os efectos do rexistro oficial de entrada e a correspondente tramitación administrativa, e outra, a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua, pois esta constitúe o soporte técnico indispensable para a realización da proba en liña. A orde de presentación de ambas as solicitudes é indiferente, sempre que se efectúe dentro do prazo establecido no número 4.5. 
4.2. A presentación da solicitude a través da sede electrónica da Xunta, https://sede. xunta.gal, realizarase a través do formulario normalizado (anexo I).
4.3. A presentación da solicitude a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua, https://formacion-lingua.xunta.gal, realizarase do seguinte xeito: primeiro, a persoa solicitante accederá á devandita plataforma mediante o seu nome de usuario/a e o contrasinal; a continuación, seleccionará a proba e inscribirase nela. Se unha persoa non é usuaria da plataforma, deberá rexistrarse previamente nela. O nome e apelidos facilitados na plataforma deben coincidir cos do documento que acredita a súa identidade (DNI, NIE ou pasaporte). 
4.4. Para realizar a proba, as persoas solicitantes deberán dispoñer dun equipamento informático que cumpra, como mínimo, os seguintes requisitos técnicos:
 – Un ordenador con: 
• Conexión á internet (de banda larga). 
• Navegador web debidamente actualizado (recoméndase ter instalada a última versión de Chrome). 
• Cámara web debidamente configurada no ordenador, á cal accederá o sistema durante o tempo que dure a proba en liña para controlar e verificar que a persoa realiza o exame de xeito autónomo e sen axudas externas. 
• Micrófono debidamente configurado no ordenador para permitir a gravación de voz en formato electrónico (mp3 ou equivalente).
 • Altofalantes debidamente configurados no ordenador para permitir escoitar son (non se poderán utilizar auriculares durante a proba).
 • Acceso á conta de correo electrónico especificada no formulario de solicitude.
– Un teléfono móbil que complementará o ordenador durante a proba e que permitirá que o sistema controle o posto en que a persoa realiza o exame en liña desde un segundo punto de vista diferente ao obtido pola propia cámara web do ordenador, con: 
• Conexión á internet (de banda larga). 
• Aplicación de cámara para vincular un código QR no momento de iniciarse a proba. 
• Habilitación de permisos para acceder á cámara e ao micrófono. 
• Aplicación Chrome instalada no teléfono móbil. 
4.5. O prazo de presentación das solicitudes, tanto a través da sede electrónica como da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Lingua, será de dez días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
 
5. Documentación complementaria. 
5.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación: a) Copia do pasaporte, en caso de que a persoa solicitante acredite a súa identidade con este documento. 
b) Copia do certificado de discapacidade expedido por unha Administración distinta da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se é o caso. 
 
7. Asignación das prazas. 
7.1. Se se reciben máis solicitudes ca prazas dispoñibles (200), a asignación destas farase a través dun sorteo aleatorio puro. Este sorteo consistirá na obtención sucesiva de números ao azar coa execución dunha rutina informática aleatoria. A partir da relación de persoas solicitantes, obterase a listaxe de persoas seleccionadas e mais a listaxe de agarda. Polo tanto, a orde de entrada das solicitudes será indiferente.
 
8. Pagamento da taxa. 
8.1. A partir do día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal) da resolución coa listaxe de persoas seleccionadas, abrirase un prazo de cinco días naturais para que estas paguen a taxa de dereitos de exame e presenten o xustificante correspondente
 
 
Mais información:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20261015/AnuncioG0766-081026-0001_gl.pdf
 
https://www.lingua.gal
AnteriorIr ao listado