• Inicio
  • Novas
  • Convocatoria probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2024

Convocatoria probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2024

07/03/2025

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2025, da Secretaría Xeral da Lingua, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2025 (código de procedemento PL500C).

O Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (DOG núm. 101, do 27 de maio), atribúelle a esta as competencias e funcións en materia de promoción e ensino da lingua galega, así como a dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia. Dentro da estrutura da consellería, consonte o disposto no devandito decreto, é a Secretaría Xeral da Lingua o órgano encargado de executar aquelas accións necesarias para desenvolver as competencias sobre política lingüística atribuídas á consellería. En particular, de acordo co artigo 7.1.i) do citado decreto, a Secretaría Xeral da Lingua ten atribuída a competencia para convocar e administrar as probas e expedir os certificados de coñecemento do galego.

Así mesmo, o artigo 7 da Orde do 16 de xullo de 2007, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga) (DOG núm. 146, do 30 de xullo), sinala que a Secretaría Xeral da Lingua, logo da proposta da Comisión Central de Avaliación, convocará as probas para a obtención dos citados certificados de coñecemento da lingua galega por medio dunha resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Co fin de afondar na maior seguridade e control da execución do proceso e na racionalización dos recursos públicos, as probas realizaranse, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, en Santiago de Compostela e, fóra desta, en Ponferrada, polo especial vínculo que existe coa zona do Bierzo; así mesmo, retómase a realización destas probas en Madrid, co obxecto de satisfacer tamén a demanda cidadá neste ámbito noutras zonas de España.

Por todo iso,

RESOLVO:

1. Obxecto.

Convocar as probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2025, con código de procedemento administrativo PL500C.

2. Persoas destinatarias.

As persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras.

3. Datas de realización das probas.

As probas dos distintos niveis Celga terán lugar en maio de 2025, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. As datas concretas serán debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal).

4. Localidades onde se van realizar as probas e niveis.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela, en Ponferrada e en Madrid.

Localidade

Nivel

Santiago de Compostela

Celga 1

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Ponferrada

-

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Madrid

-

Celga 2

Celga 3

Celga 4

As sedes e horarios para a realización das probas publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal) xunto coas listaxes definitivas das persoas admitidas.

5. Presentación de solicitudes e prazo.

5.1. As persoas que desexen inscribirse nas probas Celga deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo PL500C, que se publica como anexo I, e aboar a taxa correspondente (código 304401). No formulario de solicitude deberán indicar a proba ou as probas a que solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral da Lingua.

5.2. As persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 % que as imposibilite para acreditar algunha das destrezas comunicativas (comprensión oral, expresión oral, comprensión escrita, expresión escrita) poderán solicitar motivadamente a exención da realización da proba ou probas referidas a esas destrezas.

De necesitar algún tipo de axuda para a realización das probas por mor dunha discapacidade, a persoa indicará na súa solicitude o apoio concreto que precisa (lectura fácil –para persoas con discapacidade intelectual–, máis tempo, maior tamaño de letra...).

En todo caso, a Secretaría Xeral da Lingua valorará se a discapacidade alegada dá lugar á exención e/ou ao apoio solicitados.

5.3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5.4. O prazo de presentación das solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, será de quince días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

6. Documentación complementaria.

6.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Xustificante de pagamento da taxa (código 304401), salvo que este se efectúe a través da sede electrónica, caso en que o xustificante se xerará automaticamente.

De acordo co artigo 23.11 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %, logo da xustificación documental, estarán exentas do pagamento desta taxa.

b) Copia do certificado de discapacidade expedido por unha Administración distinta da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se é o caso.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

6.2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6.3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. Comprobación de datos.

7.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

– Certificado de discapacidade expedido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

7.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

7.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

8. Taxas de exame.

8.1. Ademais de presentar a súa solicitude, as persoas que desexen participar nas probas para a acreditación do nivel de competencia en lingua galega deberán aboar a taxa correspondente. De acordo coa Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o tipo da taxa para a inscrición nas probas non experimentará ningunha actualización respecto á contía exixible no momento da entrada en vigor da dita lei, de modo que continúa a ser de 16,92 euros para cada un dos niveis.

8.2. O pagamento da taxa poderá realizarse de forma telemática ou presencial.

O pagamento telemático poderá efectuarse a través da sede electrónica, como un paso máis habilitado dentro do procedemento, caso en que o xustificante xa se xera automaticamente. Outra posibilidade é acceder á oficina virtual tributaria (https://ovt.atriga.gal/) e pagar mediante tarxeta, bizum ou cargo na conta e achegar o xustificante de pagamento.

Para realizar o pagamento de forma presencial, tamén se accederá á oficina virtual tributaria para descargar un modelo en branco e cubrilo ou imprimilo xa cuberto grazas á aplicación; posteriormente, pagarase nunha entidade financeira colaboradora ou farase unha transferencia bancaria nunha entidade financeira non colaboradora. Así mesmo, o modelo en branco tamén se poderá solicitar nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia. Finalmente, achegarase o xustificante de pagamento.

Os códigos correspondentes á taxa son:

Consellería: Cultura, Lingua e Xuventude. Código: 10.

Delegación: servizos centrais. Código: 13.

Servizo: Secretaría Xeral da Lingua. Código: 09.

Denominación da taxa: inscrición nas probas homologadas para a acreditación do nivel de competencia en lingua galega e mais a acreditación do nivel correspondente, de ser o caso. Código: 304401.

8.3. Non se admitirá o aboamento das taxas fóra do prazo de presentación de solicitudes indicado nesta convocatoria.

8.4. O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolveráselle, logo da solicitude correspondente, a quen figure na listaxe definitiva de persoas excluídas. Para solicitar a devolución das taxas, disporase dun prazo de dous meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal).

9. Procedemento para a admisión de aspirantes.

9.1. Unha vez que remate o prazo de presentación de solicitudes, o secretario xeral da Lingua aprobará as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas para cada nivel e localidade, a través dunha resolución que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal).

As persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da dita resolución na web da Secretaría Xeral da Lingua, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

En todo caso, as persoas que presenten emendas enviaranlle un correo electrónico á Secretaría Xeral da Lingua, á conta sxpl.probascelga@xunta.gal, en que indicarán o día en que presentaron a emenda e o contido desta.

9.2. Unha vez transcorrido o prazo sinalado, o secretario xeral da Lingua ditará unha nova resolución pola que se aprobará a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas para cada nivel e localidade, que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal).


Máis información en http://www.lingua.gal

AnteriorIr ao listado