• Inicio
  • Novas
  • Convocatoria das probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mer ...

Convocatoria das probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril

23/07/2024
DOGA 142 do 23/07/24
 CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convoca a realización das probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril (códigos IF310A, IF310B e IF310C).

O Real decreto 97/2014, do 14 de febreiro, polo que se regulan as operacións de transporte de mercadorías perigosas por estrada no territorio español, en relación coa Directiva 2008/68/CE, no que afecta o transporte por estrada, imponlle ás empresas que transporten mercadorías perigosas ou efectúen operacións de carga ou descarga, dispoñer cando menos dun conselleiro de seguridade encargado de contribuír á prevención dos riscos que implican estas actividades.

Pola súa parte, o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, sobre os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por ferrocarril ou por vía navegable, modificado pola disposición derradeira terceira do Real decreto 97/2014 establece que as empresas que transporten mercadorías perigosas por ferrocarril ou por vía navegable ou que sexan responsables das operacións de carga ou descarga vinculada ao dito transporte deberán designar, de acordo co establecido no real decreto, cando menos un conselleiro de seguridade.

O Real decreto 97/2014 establece que, para poder exercer as funcións de conselleiro de seguridade, o conselleiro deberá superar previamente un exame sobra as obrigacións que lles correspondan e sobre as materias que lles sexan aplicables da normativa sobre mercadorías perigosas.

A Orde FOM/605/2004, do 27 de febreiro (BOE número 59, do 9 de marzo), determina as modalidades dos exames que se deben superar, así como as convocatorias, a estrutura dos exercicios e os correspondentes certificados de aptitude. Así mesmo, dispón que as probas serán convocadas polo órgano competente da comunidade autónoma onde vaian ter lugar. Na súa virtude,

RESOLVO:

Primeiro. Convocar as probas para obter e/ou renovar o certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, para a Comunidade Autónoma de Galicia e para o ano 2024.

Esta convocatoria rexerase polas bases que se incorporan como anexo I a esta resolución.

Segundo. Dispoñer a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte oa da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, todo isto de conformidade co disposto nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2024

Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade

ANEXO I

Bases da convocatoria

Primeira. Obxecto das probas, modalidades e programa

1. Rexeranse polas bases contidas neste anexo:

a) As probas para obter o certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas, tanto na modalidade de estrada como na de ferrocarril (código de procedemento IF310A).

b) As probas para renovar o certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas, tanto na modalidade de estrada como na de ferrocarril (código de procedemento IF310B).

c) A devolución das taxas de dereitos de exame das probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas, tanto na modalidade de estrada como na de ferrocarril (código de procedemento IF310C).

Participarán nas probas da modalidade a) aquelas persoas que aspiren a obter por vez primeira o certificado. Participarán na modalidade b) aquelas persoas que xa sexan titulares do certificado e precisen renovalo de conformidade coa normativa vixente; en concreto, o dito certificado estará en vigor e dentro do seu último ano de validez o día da realización das probas.

2. As probas indicadas no punto anterior abranguerán as seguintes especialidades:

a) Todas as clases.

b) Clase 1 (materias e obxectos explosivos).

c) Clase 2 (gases).

d) Clase 7 (materias radioactivas).

e) Clases 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 e 9 (materias sólidas e líquidas contidas na enumeración de cada unha das clases do Acordo Europeo para o Transporte Internacional de Mercadorías Perigosas por Estrada –ADR– e no Regulamento relativo ao Transporte Internacional por Ferrocarril de Mercadorías Perigosas -RID-.

f) Materias líquidas inflamables cos números de identificación da Organización de Nacións Unidas 1202 (gasóleo), 1203 (gasolina) e 1223 (queroseno).

3. As persoas aspirantes poderán presentarse a unha ou varias das probas convocadas, tanto para cada modalidade –transporte por estrada ou por ferrocarril– como para unha das especialidades indicadas no punto anterior. Cada unha das probas para as que se solicite a inscrición dará lugar, en calquera caso, ao aboamento da correspondente taxa, de acordo co establecido na base sexta.

4. Cando un conselleiro amplíe o campo de aplicación do seu certificado durante o seu período de validez, o período de validez do novo certificado seguirá sendo o do certificado anterior, segundo o disposto no punto 1.8.3.19 do ADR 2021.

5. A normativa sobre a que tratarán os exercicios será o ADR, o RID e demais lexislación estatal, comunitaria e internacional que afecte o transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril. A referida normativa será a vixente na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

De conformidade co establecido no anexo do Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, sobre os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable, os coñecementos que se terán en conta para a expedición do correspondente certificado referiranse, como mínimo, ás materias que no dito anexo se relacionan.

Segunda. Solicitudes

1. As solicitudes para tomar parte nas probas para obter o certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade axustaranse ao modelo normalizado que se recolle como anexo II desta resolución, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF310A.

Así mesmo, as solicitudes para tomar parte nas probas para renovar o certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade axustaranse ao modelo normalizado que se recolle como anexo III desta resolución, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF310B.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O contido neste punto tamén é de aplicación para a presentación da solicitude do anexo IV.

3. O prazo de presentación de solicitudes para participar nas probas será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. A non presentación da solicitude e o non pagamento da taxa en tempo e forma suporá a exclusión da persoa aspirante; igualmente, a consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación presentada polas persoas aspirantes dará lugar á súa exclusión, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta no impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Terceira. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Xustificante de pagamento da taxa (código 31.01.20), agás que o pagamento da taxa se inicie e finalice electronicamente a través da sede electrónica, neste caso non é preciso achegar o dito xustificante, nos procedementos IF310A e IF310B.

Certificado de discapacidade emitido por outra Administración distinta da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Cuarta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos (IF310A e IF310B) consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia.

b) Estar inscrito como demandante de emprego a data concreta.

c) Importes da prestación de desemprego percibidos a data actual.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas, a presentación dos documentos correspondentes.

Quinta. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sexta. Dereitos de exame

1. De conformidade coa Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, para acceder a estas probas deberá aboarse, en concepto de taxas por dereitos de exame, a cantidade de vinte e sete con trinta e un euros (27,31 €), por cada unha das modalidades de proba e especialidades ás que a persoa solicitante se presente, nos procedementos IF310A e IF310B.

2. O ingreso da/das taxa/s efectuarase en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos pola Comunidade Autónoma de Galicia; para tal fin as persoas aspirantes terán que empregar os impresos de autoliquidación oficiais, que se poderán obter nos servizos centrais da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ou da Dirección Xeral de Mobilidade, nos Servizos de Mobilidade de cada provincia, ou nos departamentos territoriais da consellería.

Os impresos de autoliquidación cubriranse indicando os seguintes códigos:

– Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes: código: 04.

– Delegación de Servizos Centrais: código: 13.

– Servizo de Mobilidade: código: 26.

–Denominación: inscrición nas probas para a cualificación como conselleiros de seguridade: código: 31 01 20.

3. Así mesmo, o ingreso da/das taxa/s poderá facerse en liña, a través da Oficina Virtual Tributaria dispoñible na web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es), indicando para o efecto os mesmos códigos sinalados no punto anterior.

4. De conformidade co disposto no artigo 30.5 a Lei 6/2003, do 9 de decembro, quedan exentos do aboamento de taxas por dereitos de exame as persoas que figuren como demandantes de emprego desde polo menos seis meses antes á data de convocatoria das probas nas que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Sétima. Admisión de persoas aspirantes

1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal encargado de avaliar as probas revisará se estas reúnen as condicións previstas nesta convocatoria e no resto de normativa aplicable.

Rematado este proceso, exporase na sección de formación da súa páxina web https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/formacion/conselleiro-seguridade a lista provisional de persoas admitidas e excluídas, indicando o motivo da súa exclusión.

2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da exposición da devandita lista, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

3. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o tribunal publicará na sección de formación da súa páxina web https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/formacion-profesionais-transporte/convocatorias as listas definitivas de persoas admitidas e excluídas.

4. Agás nos supostos previstos no punto 4 da base oitava, devolveránselles os dereitos de exame ás persoas aspirantes que resulten excluídas definitivamente das probas, sempre que o soliciten, empregando o modelo que figura como anexo IV desta resolución, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF310C, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación indicada no punto anterior.

Oitava. Realización dos exercicios

1. A data ou datas de realización das probas, así como os cadros de horarios, serán acordados polo tribunal e serán publicados no Diario Oficial de Galicia cunha antelación mínima de quince días naturais á data ou datas elixidas. En todo caso, terán lugar na primeira quincena do mes de novembro de 2024.

Nesta publicación o tribunal completará as instrucións de funcionamento e desenvolvemento das probas coas indicacións que resulten adecuadas para garantir a súa correcta operatividade, sen prexuízo das que, para o mesmo fin, poida adoptar no mesmo momento da súa realización.

2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en chamamento único e perderá o dereito a realizar a proba quen non compareza.

3. As persoas aspirantes deberán presentarse para facer as probas co documento nacional de identidade orixinal e en vigor, ou con outro documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. De non facelo así, non serán admitidas á realización das probas.

Recoméndase igualmente que concorran provistas dunha copia da solicitude de admisión e do impreso xustificativo do pagamento das taxas.

4. As persoas excluídas por non compareceren no momento do chamamento ou por careceren da documentación precisa para acceder ao recinto onde teñan lugar as probas non terán dereito a que se lles devolvan os importes aboados en concepto de dereitos de exame.

5. De resultar necesario, o tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios ás do resto de participantes. Neste sentido, estableceranse para aquelas que o soliciten as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a súa realización.

Para a materialización destas previsións, as persoas aspirantes cun grao de minusvalía igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, e especificar claramente tanto a porcentaxe de discapacidade que teñen recoñecida oficialmente como o órgano que realizou tal recoñecemento. En caso de que este órgano non dependa da Xunta de Galicia, deberán anexarse á solicitude os documentos xustificativos da discapacidade. Así mesmo, deberán indicar na solicitude as adaptacións de tempo e/ou medios que soliciten para realizar os exercicios.

Novena. Corrección dos exercicios e cualificacións

1. Concluídos os exercicios, as relacións de respostas que o tribunal estime correctas serán publicadas na sección de formación da páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/formacion-profesionais-transporte/convocatorias. Para que as persoas aspirantes poidan verificar o seu resultado, o tribunal establecerá os mecanismos precisos para que aquelas poidan obter copia da súa folla de respostas logo de realizaren os exercicios.

2. Unha vez publicadas consonte o punto anterior as relacións de respostas correctas, as persoas aspirantes disporán do prazo de tres días hábiles para presentar ante a secretaria do tribunal as impugnacións que estimen procedentes.

No caso de non presentalas directamente ante a secretaria, para que sexan tomadas en consideración deberá remitirse, dentro do referido prazo, copia da impugnación presentada ao enderezo electrónico control-transportes@xunta.gal, dirixida á secretaria do tribunal.

Pasado o prazo indicado, non se admitirán novas impugnacións nin se tomarán en consideración máis alegacións respecto do contido dos exames.

1. Á vista das impugnacións presentadas, o tribunal elaborará as relacións definitivas de respostas correctas e acto seguido corrixirá os exercicios de acordo con elas. Estas relacións, así como as cualificacións provisionais, serán expostas na sección de formación da súa páxina web https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/formacion-profesionais-transporte/convocatorias.

2. Logo de que se publiquen as relacións coas cualificacións provisionais, abrirase un prazo de solicitude de revisión de exercicios de cinco días hábiles, para que as persoas aspirantes lle fagan chegar á secretaria do tribunal as peticións de revisión.

No caso de non presentalas directamente ante a secretaria, para que sexan tomadas en consideración, deberá remitirse, dentro do referido prazo, unha copia da solicitude de revisión presentada ao enderezo electrónico control-transportes@xunta.gal, dirixida á secretaria do Tribunal.

4. Unha vez revisados os exercicios, o tribunal aprobará as relacións de cualificacións definitivas.

Estas relacións serán expostas na sección de formación da súa páxina web
https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/formacion-profesionais-transporte/convocatorias

Así mesmo, o tribunal remitiralle á Dirección Xeral de Mobilidade as ditas relacións, para efectos de que se expidan os correspondentes certificados de conselleiros de seguridade.

Décima. Estrutura e cualificación dos exercicios

1. A estrutura dos exercicios e a súa forma de cualificación serán as establecidas na Orde FOM/605/2004, do 27 de febreiro, de capacitación profesional dos conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable (BOE número 59, do 9 de marzo de 2004).

2. A proba que deben superar as persoas aspirantes na modalidade de obtención do certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas consta de dous exercicios:

a) O primeiro deles consistirá en responder a 50 preguntas tipo test, con catro respostas alternativas, das cales só unha é correcta.

Cada resposta acertada valorarase con 2 puntos, e será preciso acadar un mínimo de 50 puntos para superar o exercicio. As respostas erróneas ou en branco non terán penalización.

As persoas aspirantes non poderán consultar textos normativos nin empregar máquina calculadora para realizar este exercicio, e disporán para facelo de, como máximo, 60 minutos.

b) O segundo exercicio consistirá en realizar estudos ou supostos sobre as tarefas e obrigas que deberá realizar e/ou cumprir o conselleiro, con referencia ao ámbito do modo do transporte e á especialidade correspondente. Este exercicio poderá responderse mediante unha explicación escrita ou mediante a selección da resposta correcta entre varias indicadas polo tribunal.

Este exercicio puntuarase entre 0 e 100 puntos e será preciso acadar un mínimo de 50 para superala.

As persoas aspirantes poderán consultar textos normativos en formato papel para realizar este exercicio, sempre que neles non figuren comentarios ou resolución de casos prácticos. Así mesmo, poderán ir provistos de máquina calculadora sen memoria RAM para efectuar as operacións matemáticas que cumpran. Non se admitirá o emprego de tablets nin teléfonos móbiles.

Para realizar este exercicio as persoas aspirantes disporán, como máximo, de 60 minutos.

3. A proba que deben superar as persoas aspirantes na modalidade de renovación do certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas consistirá en responder 50 preguntas tipo test, con catro respostas alternativas, das cales só unha é correcta.

Cada resposta acertada valorarase con 2 puntos, e será preciso acadar un mínimo de 50 puntos para superar a proba. As respostas erróneas ou en branco non terán penalización.

As persoas aspirantes non poderán consultar textos normativos nin empregar máquina calculadora para realizar esta proba, e disporán para facelo de, como máximo, 60 minutos.

Décima primeira. Tribunal

1. O tribunal cualificador das probas convocadas estará integrado polo seguinte persoal da Dirección Xeral de Mobilidade:

Presidente: Marta Vázquez Sanjurjo.

Presidente suplente: Antón García Río.

Vogais:

María Inmaculada Carril Barco.

Antonio Jesús Blas Fernández.

José Ramón Cortés Martínez

Vogais suplentes:

Eduardo Suárez Campo.

Mª Teresa Somoza García.

AnteriorIr ao listadoSeguinte