A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulou o bacharelato para persoas adultas pola modalidade a distancia mediante a Orde do 26 de abril de 2007 (DOG número 88, do 8 de maio), establecendo un bacharelato a distancia con titorías telemáticas e un bacharelato a distancia semipresencial, en que o alumnado recibe atención do profesorado a través de titorías presenciais.
Así mesmo, regulou as ensinanzas de bacharelato presencial para persoas adultas mediante a Orde do 20 de xullo de 2009 (DOG número 149, do 31 de xullo) pola que se regulan as ensinanzas de bacharelato para persoas adultas pola modalidade presencial na Comunidade Autónoma de Galicia. No artigo 13 desta orde regúlase a mobilidade entre os diversos réximes de bacharelato.
O propósito das ordes citadas é ofrecer unha atención educativa adaptada ás diversas condicións e circunstancias das persoas adultas, achegando a cada persoa a oferta máis axeitada para cursar con éxito os estudos de bacharelato.
O Ministerio da Presidencia estableceu no Real decreto 1203/1999, do 9 de xullo, as normas de funcionamento dos centros educativos con sede en centros penitenciarios.
A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, introduciu modificacións na Lei educativa, no currículo e na ordenación do bacharelato.
En desenvolvemento normativo posterior, o Real decreto 243/2022, do 5 de abril, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas do bacharelato, estableceu a ordenación e as ensinanzas mínimas desta etapa. Isto concretouse en Galicia no Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o antedito decreto e se regula a avaliación nesa etapa educativa. Ademais, ditouse a Orde do 13 de febreiro de 2023 pola que se establece o currículo das materias optativas do bacharelato e se regula a súa oferta.
O Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, recolle na disposición adicional cuarta que a consellería con competencias en materia de educación establecerá o currículo destas ensinanzas para persoas adultas.
A Resolución do 23 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato no curso académico 2024/25, concreta as instrucións para os centros sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de réxime ordinario.
Co obxectivo de adaptar as ensinanzas para persoas adultas á normativa citada e unificar criterios de funcionamento nos centros que as imparten no curso 2024/25,
RESOLVO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta resolución ten por obxecto ditar instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas para persoas adultas no curso académico 2024/25.
2. Será de aplicación en todos os centros EPA da Comunidade Autónoma de Galicia dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e nos institutos de educación secundaria autorizados que impartan ensinanzas para persoas adultas.
Artigo 2. Oferta formativa
Son ensinanzas para persoas adultas as seguintes:
a) Niveis I e II da etapa das ensinanzas iniciais: modalidades presencial e semipresencial.
b) Educación secundaria para persoas adultas: modalidades presencial, semipresencial e a distancia.
c) Bacharelato nas modalidades presencial e a distancia (semipresencial e telemática).
d) Castelán e galego para inmigrantes.
e) Preparación para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio.
f) Actividades non regradas de carácter profesionalizante, de formación sociocultural e de desenvolvemento persoal e comunitario.
g) Aula Mentor.
Artigo 3. Requisitos de idade
1. Poderán matricularse nas ensinanzas para persoas adultas todas as persoas maiores de dezaoito anos ou que os fagan no ano 2024, así como aquelas que cursasen ensinanzas para persoas adultas en cursos anteriores.
2. No caso das persoas que se matriculen no segundo cuadrimestre na educación secundaria para persoas adultas, deberán facer os dezaoito anos no ano 2025.
3. Tamén poderán matricularse aquelas persoas maiores de dezaseis anos, ou que os fagan no ano 2024, que teñan un contrato laboral en vigor ou sexan deportistas de alto rendemento. Calquera destas circunstancias deberá ser acreditada documentalmente á hora de formalizar a matrícula.
4. A dirección do centro correspondente poderá autorizar a matriculación do alumnado interno en réxime pechado nun centro de reeducación de menores baixo a custodia do organismo competente da Xunta de Galicia. Para isto será necesario a certificación emitida pola persoa responsable do centro onde o menor cumpra esas medidas de internamento. No caso do alumnado que sexa internado no transcurso do curso académico, o servizo territorial de Inspección educativa determinará o modo en que será avaliado este alumnado de forma que non sexa prexudicado pola súa incorporación ao réxime de persoas adultas.
5. A Dirección Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional correspondente poderá autorizar a matriculación do alumnado maior de dezaseis anos, ou que os faga no ano 2024, nos seguintes casos:
a) Alumnado que estea en posesión do título de bacharel e desexe adquirir outra modalidade ou vía, logo de informe do servizo territorial de Inspección educativa.
b) Alumnado que curse simultaneamente ensinanzas profesionais de música ou de danza, logo de informe do servizo territorial de Inspección educativa.
c) Alumnado que curse simultaneamente ensinanzas profesionais de grao medio de artes plásticas e deseño, logo de informe do servizo territorial de Inspección educativa.
d) Alumnado que curse simultaneamente un ciclo formativo de grao medio, logo de informe do servizo territorial de Inspección educativa.
e) Cando concorran circunstancias que lle impidan acudir a centros educativos ordinarios e que estean debidamente acreditadas (cargas familiares, vítimas de violencia, mulleres embarazadas, menores en situación de risco ou desamparo, etc.), ou alumnado que non estivese escolarizado no sistema educativo español, logo de informe do servizo territorial de Inspección educativa.
Artigo 4. Horario das ensinanzas para persoas adultas
1. As ensinanzas para persoas adultas impartiranse, con carácter xeral, entre as dezasete e as vinte e dúas horas trinta minutos, de luns a venres. Dentro deste período de horario máximo, o centro establecerá o seu propio horario lectivo e, cando menos, un período de descanso, que non será inferior aos quince minutos e que se situará entre dous períodos lectivos.
2. No caso do bacharelato a distancia, as titorías lectivas impartiranse entre as dezaoito trinta horas e as vinte e tres horas, de luns a venres.
3. A persoa responsable da dirección territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional poderá autorizar, logo de informe do servizo territorial de Inspección educativa, cambios no horario sinalado nos puntos anteriores cando as circunstancias organizativas do centro ou as necesidades do alumnado así o aconsellen.
4. No caso de contar con máis dun grupo por nivel na modalidade a distancia, establecerase un horario de titorías na quenda de mañá e outro de tarde, co fin de que cada alumna ou alumno se poida inscribir no grupo que mellor se adapte ás súas posibilidades.
5. Para favorecer a conciliación da vida laboral coa vida familiar e racionalizar na medida do posible o horario do alumnado, o centro poderá concentrar como máximo na mesma xornada dous períodos lectivos da mesma materia.
6. Os períodos lectivos nas ensinanzas para persoas adultas terán unha duración mínima de 45 minutos.
CAPÍTULO II
Ensinanzas iniciais
Artigo 5. Matriculación
1. O día 2 de setembro de 2024 abrirase o prazo de matriculación de ensinanzas iniciais de persoas adultas, que permanecerá aberto durante todo o curso.
2. Cando a persoa non acredite estudos que poidan ser obxecto de validación, a adscrición desta a unha etapa, nivel ou módulo realizarase mediante o procedemento de valoración inicial das aprendizaxes, conforme o artigo 13 da presente resolución.
Artigo 6. Actividades lectivas
As actividades lectivas realizaranse desde o 11 de setembro de 2024 ata o 20 de xuño de 2025.
Artigo 7. Distribución horaria
1. Nas modalidades presencial e semipresencial, o horario das ensinanzas iniciais comprenderá os períodos lectivos semanais que figuran no anexo III.
2. Co fin de que o alumnado das ensinanzas iniciais acade as destrezas de lectoescritura, razoamento matemático e cálculo, o número de sesións establecido para cada ámbito poderase adaptar ás necesidades educativas que presente ese alumnado, logo de autorización do servizo territorial de Inspección educativa, sempre que se respecte a duración global establecida.
CAPÍTULO III
Educación secundaria
Artigo 8. Solicitude de inscrición
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos no historial académico dos estudos cursados en centros dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo na solicitude de admisión (anexo I) e achegar a documentación correspondente.
2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 9. Número mínimo de alumnas e alumnos por grupo
Con carácter xeral, non poderán establecerse grupos con menos de dez alumnas e alumnos. Cando o número de alumnado matriculado nun grupo sexa menor de dez, a dirección do centro solicitaralle autorización á dirección territorial que corresponda para a súa posta en marcha, se procede.
Artigo 10. Admisión do alumnado
1. No caso de que o número de persoas solicitantes inscritas supere as prazas ofertadas polo centro, aplicaranse os seguintes criterios de preferencia:
– Continuar estudos no propio centro.
– Proceder das ensinanzas de adultos doutros centros.
– Ter estado máis tempo desescolarizado.
– Matricularse de todos os ámbitos dun nivel.
– Ser deportista de alto rendemento.
– Menor renda persoal do alumno con ingresos ou da unidade familiar a que se pertenza.
2. Se, rematado o procedemento de admisión, non se completasen as prazas ofertadas, a dirección do centro poderá aceptar a matrícula do novo alumnado que o solicite por orde de entrada na secretaría do centro ata completar todas as prazas ofertadas.
Artigo 11. Prazo de matrícula
a) Modalidade presencial.
1. Prazo de matrícula:
– Entre o 2 e o 10 de setembro de 2024 para o primeiro cuadrimestre.
– Entre o 8 e o 17 de xaneiro de 2025 para alumnado de nova incorporación ao centro no segundo cuadrimestre.
2. Nos centros EPA en institucións penitenciarias, se se alega causa xustificada, poderá incorporarse alumnado novo á educación secundaria en datas posteriores ás establecidas anteriormente.
b) Modalidades semipresencial e a distancia.
1. A inscrición para acceder a calquera dos módulos das ensinanzas de educación secundaria na modalidade semipresencial e a distancia para persoas adultas realizarase nos seguintes prazos:
– Para o primeiro cuadrimestre: desde o 2 de setembro de 2024 ata o 17 de xaneiro de 2025.
– Para o segundo cuadrimestre: desde o 3 de febreiro ata o 25 de abril de 2025.
2. Para o alumnado que, por motivos laborais, necesite xustificación de estar cursando ensinanzas básicas para persoas adultas con posterioridade á data de matrícula establecida, o centro educativo poderá realizar a reserva de matrícula ata a apertura do novo prazo no curso seguinte.
Artigo 12. Equivalencias e validacións
1. Cando a persoa que accede a esta oferta educativa teña acreditados estudos realizados ou ámbitos superados nas probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, poderá acollerse ás equivalencias recollidas nos anexos do IV ao XVII desta resolución.
2. Canto ao alumnado procedente da ESO que cursase estudos dese nivel con anterioridade á entrada en vigor da Lei 2/2006 e que teña algunhas materias pendentes, considerarase que ten o curso superado se foi promovido ao seguinte. No caso contrario aplicaráselle o establecido nos anexos do IV ao XVII desta resolución.
3. Cando, en aplicación dos cadros de equivalencias recollidos nos anexos do IV ao XVII, unha persoa teña dereito á validación do módulo IV de todos os ámbitos da educación secundaria para persoas adultas e nunca fose proposta para título deberá matricularse e superar, como mínimo, o módulo IV dun ámbito.
4. Das validacións e das exencións nos ámbitos deixarase constancia no expediente académico mediante unha dilixencia.
Artigo 13. Valoración inicial das aprendizaxes
1. Para as persoas que non acrediten estudos que poidan ser obxecto de validación e desexen matricularse na educación básica para persoas adultas por primeira vez, os centros efectuarán con carácter preceptivo unha valoración inicial das aprendizaxes co obxectivo de adscribilas ao módulo adecuado en cada ámbito de coñecemento.
2. Tamén poderán solicitar a valoración inicial das súas aprendizaxes aquelas persoas que interrompesen os seus estudos durante cando menos un curso académico e poidan acreditar nova formación.
3. Durante os días 11, 12 e 13 de setembro de 2024 e os días 20, 21 e 22 de xaneiro de 2025 realizaranse nos centros EPA e nos IES autorizados as probas de valoración inicial. Cando fóra das datas establecidas sexa necesario realizar a valoración inicial, a xefatura de estudos establecerá unha/s nova/s data/s para realizala.
Artigo 14. Actividades lectivas
1. As actividades lectivas realizaranse desde o 11 de setembro de 2024 ata o 20 de xuño de 2025.
2. As ensinanzas do primeiro cuadrimestre impartiranse desde o 11 de setembro de 2024 ata a primeira semana de febreiro incluída. As ensinanzas do segundo cuadrimestre darán comezo na segunda semana do mes de febreiro e as actividades lectivas rematarán o 20 de xuño de 2025.
3. Con carácter xeral, na modalidade presencial impartiranse as ensinanzas dos módulos I e III no primeiro cuadrimestre, mentres que no segundo cuadrimestre se impartirán os módulos II e IV. Excepcionalmente, e con autorización da dirección territorial, logo de informe favorable do servizo territorial de Inspección educativa, os centros que dispoñan de recursos poderán optar por impartir de maneira simultánea os catro módulos de cada ámbito de coñecemento.
4. Na modalidade a distancia ofertaranse de forma simultánea todos os módulos dos tres ámbitos da educación secundaria organizados por cuadrimestres.
5. Na modalidade semipresencial poderanse ofertar de forma simultánea todos os módulos dos tres ámbitos da educación secundaria organizados por cuadrimestres.
6. A distribución horaria semanal será a que se recolle no anexo III desta resolución.
Artigo 15. Recursos didácticos na modalidade a distancia
1. O alumnado matriculado no IES San Clemente contará para o desenvolvemento do seu proceso de aprendizaxe cunha atención titorial telemática a través da plataforma educativa http://www.iessanclemente.net/
2. Tendo en conta as características específicas desta modalidade, e para facilitar que o alumnado acade os obxectivos establecidos, o profesorado aproveitará o potencial que ofrecen as tecnoloxías da información e da comunicación mediante diferentes accións, como a elaboración de documentos interactivos, a publicación de videotitoriais e clases gravadas, o uso do foro da plataforma virtual e a presentación de ligazóns de interese para o alumnado.
Artigo 16. Avaliación
1. As probas de avaliación na modalidade a distancia realizaranse presencialmente no IES San Clemente de Santiago de Compostela. Excepcionalmente, cando as circunstancias así o aconsellen, estas probas, coordinadas polo IES San Clemente, poderán ter lugar noutras localidades. Para este fin, a Dirección Xeral de Formación Profesional poderá designar centros colaboradores nas catro provincias da Comunidade Autónoma.
Neste suposto os centros EPA e os IES autorizados a impartir ensinanzas para persoas adultas porán á disposición dese alumnado os espazos necesarios. A vixilancia da realización das probas escritas realizaraa o profesorado do IES San Clemente, que se desprazará para este efecto ata os centros correspondentes.
2. Para establecer a cualificación do Ámbito de Comunicación cando interveñan dous profesores ou profesoras, realizarase a media ponderada dos dous submódulos integrados nel, de xeito que o Submódulo de Lingua Estranxeira nunca teña unha valoración superior ao 30 % da cualificación do módulo correspondente.
3. Cando o Ámbito Científico-Tecnolóxico sexa impartido por dous docentes, a cualificación deste será a media ponderada das dúas cualificacións, establecida proporcionalmente en función da carga lectiva impartida por cada un deles.
4. As sesións de avaliación final ordinaria dos módulos impartidos no primeiro cuadrimestre terán lugar na primeira quincena do mes de febreiro e realizaranse a partir do 9 de xuño de 2025 no caso dos módulos do segundo cuadrimestre.
5. O alumnado que supere os catro módulos de cada ámbito de coñecemento no mes de febreiro será proposto para o título de graduada ou graduado en educación secundaria con anterioridade ao 1 de marzo.
6. As probas extraordinarias correspondentes aos módulos impartidos no primeiro cuadrimestre realizaranse antes de rematar o mes de maio de 2025. No caso dos módulos impartidos no segundo cuadrimestre, as probas extraordinarias terán lugar entre o 18 e o 20 de xuño de 2025, ambos incluídos.
No caso do alumnado dos centros EPA dos centros penitenciarios que sexa trasladado de centro unha vez finalizado o primeiro cuadrimestre sen realizar a correspondente avaliación extraordinaria, o centro de orixe enviará as probas que se realizarán no novo centro supervisadas polo seu profesorado. Estas probas serán devoltas ao centro de orixe para poder ser corrixidas e completar o proceso de avaliación deste alumnado.
7. No caso de alumnado que se matricule no segundo cuadrimestre nun novo centro nun ámbito do cal teña sen superar o módulo precedente, deberá avaliarse deste último na avaliación extraordinaria de maio.
8. As sesións de avaliación final extraordinaria deberán realizarse a partir do día 20 de xuño de 2025.
9. No caso de concorreren circunstancias especiais que xustifiquen a modificación do calendario da avaliación extraordinaria establecido, a dirección territorial correspondente poderá autorizar o cambio de datas.
10. Os módulos I, II, III ou IV de cada ámbito da educación secundaria para persoas adultas avaliados positivamente ou promovidos con avaliación negativa consideraranse superados, polo que non poderán volver ser cursados.
11. Para cada ámbito, a cualificación final será a media aritmética dos módulos superados que o integran, expresada en números naturais, por arredondamento dos decimais ao natural máis próximo e, en caso de equidistancia, ao superior. Cando unha alumna ou alumno teña recoñecida a validación do módulo IV dalgún ámbito da educación secundaria para persoas adultas, a cualificación final do ámbito será a correspondente a esa validación.
12. A nota media de educación secundaria para persoas adultas será a media aritmética das cualificacións finais de cada un dos ámbitos de coñecemento, arredondada á centésima máis próxima e, no caso de equidistancia, á superior.
Artigo 17. Matrícula condicionada
1. O alumnado que curse a educación secundaria para persoas adultas durante o primeiro cuadrimestre, que non supere algún módulo e que non sexa promovido ao módulo seguinte nalgún ou todos os ámbitos cursados poderá matricularse durante o segundo cuadrimestre do módulo seguinte deses ámbitos de maneira condicional, sempre que siga escolarizado no mesmo centro. Nestes casos recibirá atención educativa do módulo mediante os mecanismos que estableza o centro.
2. No caso de cambiar de centro, a dirección territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional poderá autorizar a matriculación no módulo seguinte de xeito condicional, cando este cambio estea motivado por causas de forza maior debidamente acreditadas. Para estes efectos, este alumnado debe renunciar á avaliación extraordinaria correspondente ao primeiro cuadrimestre dos ámbitos non superados no centro de partida para poder realizala no novo centro.
3. Analogamente, o alumnado ao cal unicamente lle falten para titular un ámbito do módulo III e ámbitos do módulo IV poderá matricularse de forma condicional nos dous módulos do mesmo ámbito de coñecemento. En todo caso, terá que superar ou obter a promoción no módulo III do ámbito para poder ser avaliado do módulo IV deste.
4. Cando este alumnado supere algún módulo na avaliación extraordinaria do mes de maio ou sexa promovido ao módulo seguinte, poderá ser avaliado no mes de xuño do módulo en que foi matriculado de maneira condicional. No caso contrario, este módulo será cualificado como pendente («P»).
5. Cando unha alumna ou alumno curse estas ensinanzas nun centro en que se impartan simultaneamente os catro módulos da educación secundaria e non supere o módulo que cursou no primeiro cuadrimestre, poderá volver matricularse deste no segundo cuadrimestre, sempre que renuncie á avaliación extraordinaria de maio.
6. Agás nos casos recollidos nos puntos 1, 2 e 3 deste artigo, o alumnado non poderá estar matriculado simultaneamente no mesmo cuadrimestre en dous módulos dun mesmo ámbito.
7. As alumnas e os alumnos que teñan superado o primeiro ou o terceiro módulo da educación secundaria para persoas adultas e estean matriculados en centros onde non se imparten todos os módulos simultaneamente poderán matricularse e asistir ás actividades lectivas outra vez nestes módulos no primeiro cuadrimestre, sempre e cando a dispoñibilidade de prazas do centro o permita. En todo caso, os módulos xa superados non poden ser avaliados novamente.
Artigo 18. Cambio de centro e modalidade
1. O alumnado poderá cambiar de centro e modalidade de ensinanza nas seguintes condicións:
a) Unha vez rematado o cuadrimestre e logo de solicitude á dirección do centro en que estea matriculado nese momento, o alumnado poderá cambiar de modalidade ou de centro para o cuadrimestre seguinte a aquel en que está escolarizado.
b) Con carácter excepcional, durante a escolarización de cada módulo cuadrimestral a dirección do centro poderá autorizar o cambio de modalidade ou de centro, logo de escrito da persoa interesada en que aduza as razóns persoais ou profesionais que o xustifiquen.
c) Cando o cambio de modalidade ou centro supoña optar a unha praza da modalidade presencial, ese cambio estará supeditado á existencia de prazas dispoñibles.
Artigo 19. Matrícula simultánea coa modalidade a distancia
1. Poderá solicitar matrícula simultánea co IES San Clemente o alumnado de educación secundaria para persoas adultas naqueles casos en que o seu centro non imparta todos os módulos necesarios para continuar o seu itinerario formativo.
2. Este alumnado realizará o seguimento das actividades lectivas do ámbito correspondente na aula virtual da mesma maneira que o resto do alumnado do IES San Clemente, e relacionarase co seu profesorado polos procedementos establecidos.
3. Ese alumnado realizará as probas escritas de avaliación dos módulos que estea cursando no IES San Clemente da mesma maneira e no mesmo lugar que o resto do alumnado deste centro.
4. O alumnado interesado terá que presentar a solicitude na dirección do centro en que estea matriculado, que a remitirá ao servizo territorial de Inspección educativa. Logo de informe desta, a dirección territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional poderá autorizar esa matrícula.
5. Unha vez recibida a autorización, para formalizar a matrícula na educación secundaria a distancia no IES San Clemente seguirase o seguinte procedemento:
a) Como requisito previo, o alumnado solicitará a matrícula de todos os ámbitos que desexe cursar no seu centro, incluídos tamén aqueles que non se impartan nel.
b) A dirección do centro de referencia remitiralle á Dirección do IES San Clemente a relación do alumnado que, estando matriculado nese centro, non poida recibir atención por non impartirse nel o ámbito correspondente. Esa relación incluirá o nome do centro, os datos persoais do alumnado e o ámbito ou ámbitos en que deba ser atendido no IES San Clemente. Enviará, igualmente, as autorizacións da dirección territorial correspondente da Consellería de Edu