Convocatoria das probas de avaliación de carácter libre para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix), no seu nivel Iniciación

Datas e realización das probas
1. As probas desenvolveranse os días 18, 19 e 20 de xuño de 2025.
2. Terán lugar segundo o calendario que figura no anexo II, onde se relacionan os lugares con aulas CeMIT dispoñibles, as prazas convocadas por cada localidade, as datas e os horarios de realización.
Itinerario formativo
1. Para a preparación das probas de certificación de nivel iniciación ponse á disposición do usuario, como material de apoio, o programa de autoformación conformado por un itinerario formativo composto por 7 cursos.
Curso |
Empezamos! Que nivel de competencias teño? Introdución ao Marco galego de competencias dixitais. |
ComDix iniciación I: coñece a contorna dixital. |
ComDix iniciación II: ten a información dixital sempre á man; buscar, seleccionar e gardar. |
ComDix iniciación III: tecnoloxías dixitais para conversar, compartir e colaborar. |
ComDix iniciación IV: participa na sociedade dixital; as vantaxes da administración electrónica. |
ComDix iniciación V: crea contidos dixitais con ferramentas ofimáticas e multimedia. |
ComDix iniciación VI: atopa o benestar dixital: tecnoloxía con «sentido». |
2. O acceso aos contidos pode realizarse en calquera momento e estarán dispoñibles permanentemente na plataforma de teleformación https://formacion-cemit.xunta.gal
3. A realización total ou parcial do itinerario formativo non dá dereito á expedición do certificado de competencias dixitais (ComDix), que se obterá unicamente pola superación da proba de certificación regulada nesta convocatoria.
4. Cada persoa determinará libremente as actividades formativas en que quere inscribirse e o período durante o cal vai traballar na actividade ou actividades do programa de autoformación elixidas.
5. O acceso aos contidos das actividades do programa de autoformación non implica a obrigación de presentarse ás probas de certificación reguladas nin é tampouco un requisito para matricularse nelas.
Solicitudes de participación e prazo de inscrición
1. As persoas que desexen participar nas probas de certificación deberán ser maiores de 16 anos e inscribirse na páxina web da rede CeMIT, https://cemit.xunta.gal, antes da finalización do prazo de inscrición.
2. Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario/a da Rede CeMIT no enderezo electrónico https://aulascemit.xunta.es/usuarios, para o que é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.
3. Os datos persoais con que a persoa se inscriba na páxina web da Rede CeMIT serán os que se tomen de referencia para emitir as certificacións e durante todo o proceso de selección. A Amtega non se fai responsable da emisión de certificacións con datos incorrectos por erros na inscrición ás probas.
4. O prazo para a inscrición será de sete (7) días naturais a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
5. Soamente se poderá presentar unha solicitude de inscrición por persoa participante e serán excluídas automaticamente aquelas persoas que figuren inscritas en máis dunha localidade ou horario.
6. Unha vez que finalice o prazo de inscrición e aplicados os criterios de selección que se recollen na base cuarta, publicarase a relación provisional de persoas admitidas en cada unha das localidades na páxina web da Rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), así como a listaxe de reservas e de excluídas.
Publicación da relación do persoal seleccionado
1. Para cada proba de certificación en cada unha das localidades, días e horarios de realización, publicarase na páxina web https://cemit.xunta.gal unha relación provisional de persoas admitidas e excluídas, así como un número adecuado de reservas, de conformidade co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
2. As persoas que resulten seleccionadas provisionalmente recibirán un correo electrónico confirmatorio da súa selección e poderán comunicar a súa desistencia para participar na proba nun prazo de dez (10) días naturais desde a publicación da listaxe provisional. Esta renuncia deberá comunicarse por correo electrónico ao enderezo formacion-cemit@xunta.gal
No caso de non rexeitala expresamente no citado prazo, entenderase que a persoa seleccionada acepta participar na proba de certificación para a cal foi admitida provisionalmente.
3. Así mesmo, as persoas interesadas terán un prazo de dez (10) días naturais desde a devandita publicación para presentar alegacións, de conformidade co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Tras vencer estes prazos de presentación, publicarase na web da Rede CeMIT, https://cemit.xunta.gal, a listaxe definitiva de persoas admitidas nas probas, que incluirá a relación de persoas en reserva que finalmente obtiveron praza tras a renuncia daquelas seleccionadas provisionalmente. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun (1) mes desde a devandita publicación, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
Bases: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250506/AnuncioG0177-280425-0001_gl.html
Máis información na Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia