O Estatuto de autonomía para Galicia establece que os poderes públicos de Galicia deberán garantir o uso normal e oficial do idioma galego e potenciar o seu emprego.
Neste sentido, o artigo 1 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dispón que lle corresponde a esta consellería a promoción e o ensino da lingua galega. Pola súa banda, o artigo 1 do Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional dispón que este é o departamento da Xunta de Galicia ao que lle corresponden as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades.
O artigo 59 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as ensinanzas de idiomas teñen por obxecto capacitar o alumnado para o emprego axeitado dos idiomas fóra das etapas ordinarias do sistema educativo, cunha organización en tres niveis: básico, intermedio e avanzado. Nesta mesma lei, no punto 4 do artigo 60, disponse que, de acordo co que establezan as administracións educativas, as escolas oficiais de idiomas poderán impartir cursos para a actualización dos coñecementos de idiomas e para a formación do profesorado e doutros colectivos profesionais.
No punto 4 do artigo 4 do Decreto 81/2018, do 19 de xullo, polo que se establece o currículo dos niveis básico A1, básico A2, intermedio B1, intermedio B2, avanzado C1 e avanzado C2 das ensinanzas de idiomas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia, disponse que as escolas oficiais de idiomas poderán, consonte o que estableza a consellería competente en materia de educación, deseñar cursos especializados como parte da súa oferta educativa.
Na Orde do 29 de xullo de 2022 pola que se fai pública a oferta educativa das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia a partir do curso escolar 2022/23, inclúese a oferta de cursos de linguaxe administrativa galega (LAG) e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga).
No punto 9.2.2 da Resolución do 16 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para a preinscrición, admisión, matrícula e organización académica nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2024/25, establécese que os cursos de linguaxe administrativa galega (LAG) e os cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga) serán impartidos polo profesorado con destino nos departamentos didácticos de galego das EOI e que estes cursos, que terán carácter gratuíto, impartiranse de acordo coas directrices que estableza a Secretaría Xeral da Lingua e serán obxecto dunha normativa específica por parte da Dirección Xeral de Formación Profesional.
Por iso, no uso das funcións que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ten atribuídas,
RESOLVO:
Sección 1ª. Disposicións xerais
Primeiro. Obxecto
Convocar, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior en liña, e cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega (Celga), para o curso 2024/25, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican nos anexos I e II, respectivamente.
Segundo. Cursos que se ofertan
1. Os cursos de linguaxe administrativa galega ofertados nas distintas escolas oficiais de idiomas de Galicia figuran no anexo I desta resolución. Os cursos do primeiro cuadrimestre impartiranse entre setembro e decembro; os do segundo cuadrimestre, entre febreiro e abril.
2. A oferta dos cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, figura no anexo II. Os cursos do primeiro cuadrimestre impartiranse entre setembro e decembro; os do segundo cuadrimestre, entre febreiro e maio.
3. A oferta de cursos recollida nos anexos I e II desta resolución poderá ser modificada en función da organización académica de cada escola, caso en que as escolas oficiais de idiomas farán pública a nova oferta con anterioridade suficiente ao inicio dos cursos.
Terceiro. Solicitudes e prazos de inscrición
1. As persoas que desexen participar nos cursos convocados nesta resolución deberán cubrir o formulario de inscrición telemática na ligazón www.eoidigital.com/preinslinguagalega. O proceso de inscrición non se considerará correctamente completado ata que as persoas seleccionadas presenten toda a documentación requirida, como se especifica no punto quinto desta resolución.
2. O prazo para a presentación das solicitudes será o seguinte:
– Desde o día 1 ata o 12 de xullo de 2024, para os cursos do primeiro cuadrimestre;
– Desde o 11 ata o 22 de novembro de 2024, para os cursos do segundo cuadrimestre.
Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que sexan presentadas fóra de prazo.
3. O alumnado con necesidades educativas especiais fará constar na solicitude a súa condición de discapacidade. A escola poñerá esta circunstancia en coñecemento dos equipos de orientación específicos dependentes da dirección territorial respectiva, no prazo máximo dun mes, contado a partir do último día establecido para a presentación da documentación (punto quinto desta resolución), para que se determinen as adaptacións pertinentes.
4. Tendo en conta o establecido no artigo 93 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, as persoas que estivesen gozando ou gozasen nos últimos dous anos dunha licenza de maternidade, un permiso de paternidade, unha redución de xornada ou unha excedencia para o coidado de familiares, farán constar esta circunstancia na solicitude.
5. A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado.
Cuarto. Asignación das prazas
1. Os cursos terán un número mínimo de 15 participantes e un número máximo de 25.
No caso de que un curso non acade o número mínimo de solicitantes, a Dirección Xeral de Formación Profesional poderá autorizar expresamente a súa realización. No caso de non realizarse o curso, a escola oficial de idiomas comunicarállelo ás persoas solicitantes.
2. Se un curso ten un número de solicitantes que cumpran os requisitos maior que o número de prazas dispoñibles, a asignación farase por sorteo.
No momento de cubrir o formulario de inscrición, a aplicación asignaralle un número a cada solicitude, independentemente da escola e curso solicitado. Para a asignación de prazas o sistema informático obterá un número de corte por curso a partir do cal se asignarán as vacantes dispoñibles. Este número obtense aleatoriamente entre todos os números asignados a cada solicitante dese curso. A adxudicación de prazas realizarase por persoa, empezando pola solicitude que teña o número obtido no sorteo, respectando a orde de preferencia indicada na solicitude e pasando á seguinte persoa cando se lle asigne praza nun grupo ou cando non obteña praza en ningún dos grupos solicitados.
3. A obtención do número para a adxudicación das prazas realizarase en acto público na EOI de Vilagarcía de Arousa (rúa Entrante, 7, Vilagarcía de Arousa), nos días que se indican a seguir:
– Para a adxudicación das prazas nos cursos do primeiro cuadrimestre, o día 15 de xullo ás 10.00 horas. O día 16 de xullo o alumnado poderá consultar na aplicación web se foi admitido;
– Para a adxudicación das prazas nos cursos do segundo cuadrimestre, o día 25 de novembro ás 10.00 horas. O día 26 de novembro o alumnado poderá consultar na aplicación web se foi admitido.
Quinto. Presentación da documentación
1. Unha vez rematado o proceso de asignación de prazas, o alumnado seleccionado deberá entrar de novo na aplicación para presentar a documentación que se especifica nos puntos sétimo (para os cursos de preparación á obtención dos Celga) e décimo primeiro (para os cursos de LAG) da presente resolución.
2. O prazo para a presentación desta documentación será o seguinte:
– Ata o 19 de xullo de 2024, para os cursos do primeiro cuadrimestre;
– Ata o 29 de novembro de 2024, para os cursos do segundo cuadrimestre.
3. A documentación presentarase de forma telemática desde a ligazón www.eoidigital.com/preinslinguagalega. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As escolas poderanlle solicitar ao alumnado a presentación dos documentos orixinais para o cotexo da copia electrónica presentada.
4. A falta de presentación destes documentos no prazo establecido dará lugar á exclusión da persoa solicitante previamente seleccionada e a escola poderá dispor da súa praza para ser ocupada pola persoa correspondente da listaxe de espera.
Sección 2ª. Características dos cursos Celga
Sexto. Persoas destinatarias dos cursos
1. Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral da Lingua para certificar a súa competencia en lingua galega.
2. As persoas solicitantes destes cursos poderán facer unha única solicitude de inscrición por cuadrimestre con tres preferencias priorizadas de grupos. En caso de adxudicación de praza en máis dun curso, a/o alumna/o deberá optar por un só curso nunha soa escola.
3. Para conseguir o axeitado rendemento e o aproveitamento do curso hai que procurar a homoxeneidade dos coñecementos do alumnado. Polo tanto, á hora de formular a solicitude dun curso dun determinado nivel Celga, deberase ter en conta a definición de contidos previstos no anexo III da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo (corrección de erros no DOG núm. 178, do 13 de setembro).
Sétimo. Documentación
No prazo establecido no número 2 do punto quinto desta resolución, o alumnado seleccionado deberá entrar de novo na aplicación para presentar a seguinte documentación:
– Unha copia do DNI ou NIE (esta non será necesaria se a persoa xa foi alumna desa escola). No caso de identificarse cun documento distinto do DNI ou do NIE, a persoa aspirante terá que realizar o trámite na secretaría da escola onde se matricule.
– Certificado que acredite que a persoa está gozando ou gozou nos últimos dous anos dunha licenza de maternidade, un permiso de paternidade, unha redución de xornada ou unha excedencia para o coidado de familiares, de ser o caso.
– Certificado acreditativo do grao de discapacidade, de ser o caso.
Oitavo. Datas de realización dos cursos
As datas de inicio e remate dos cursos que figuran no anexo II son orientativas. As datas concretas de inicio faranse públicas nos taboleiros de anuncios da escola oficial de idiomas en que terá lugar o curso e na súa páxina web.
Noveno. Contidos, profesorado e probas de avaliación
1. Os cursos axustaranse aos contidos sinalados no anexo III da Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG núm. 146, do 30 de xullo) pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).
2. Cada curso terá unha duración de 60 horas presenciais.
3. Corresponderalle ao profesorado dos departamentos didácticos de galego das escolas oficiais de idiomas programar e impartir os contidos sinalados na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), de acordo coas necesidades e o desenvolvemento do curso.
4. Todas as actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse, no referente á normativa e ao uso correcto do idioma, ao establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo do ano 2003, de conformidade coa disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística.
5. A realización do curso non dará dereito a ningún tipo de certificación, por tratarse dun curso preparatorio para as probas conducentes á obtención dos certificados de lingua galega Celga. Estas probas véñense convocando dúas veces ao ano pola Secretaría Xeral da Lingua e, de ser superadas, darán dereito á expedición dos correspondentes certificados por parte da Secretaría Xeral da Lingua.
Sección 3ª. Características dos cursos de linguaxe administrativa galega
Décimo. Persoas destinatarias dos cursos
1. Os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos a empregadas/os públicas/os da Administración autonómica, da Administración local e da Administración periférica do Estado na Comunidade Autónoma de Galicia, exceptuando o persoal docente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e o persoal sanitario, non entendendo por tales os empregados públicos da escala de saúde pública e administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Toda persoa solicitante deberá encontrarse en situación de servizo activo, permiso por parto ou maternidade, adopción ou acollemento, ou ben en excedencia polo coidado dunha/dun filla/o ou dunha/dun familiar; aquela que ao inicio do curso se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.
3. Para acceder ao curso medio de linguaxe administrativa as/os aspirantes deberán estar en posesión dalgún dos certificados seguintes: Celga 4, cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, curso básico de linguaxe administrativa galega, curso básico para o persoal da Administración de xustiza ou curso básico de linguaxe administrativa sanitaria.
4. Para acceder ao curso superior de linguaxe administrativa os/as aspirantes deberán estar en posesión dalgún dos certificados seguintes: curso medio de linguaxe administrativa galega, curso medio de linguaxe xurídica galega ou calquera dos cursos equivalentes a estes, que se establecen no punto 2 do artigo 5 da Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24 de xuño) pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas.
5. Poderán tamén solicitar a realización destes cursos as persoas maiores de dezaseis anos que non sexan empregadas/os públicas/os e posúan os certificados ou acreditacións equivalentes recollidos nos parágrafos anteriores. Neste suposto só se poderá optar ás prazas ofertadas para cada curso no caso de que estas non sexan cubertas por empregadas/os públicas/os.
6. As persoas solicitantes destes cursos poderán facer unha única solicitude de inscrición por cuadrimestre con dúas preferencias priorizadas de grupos. En caso de adxudicación de praza en máis dun curso, a/o alumna/o deberá optar por un só curso nunha soa escola.
7. As persoas solicitantes deberán dispoñer dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:
– Ordenador con conexión á internet de banda larga.
– Navegador web.
– Conta de correo electrónico especificada na solicitude.
– Micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz.
Décimo primeiro. Documentación
1. No prazo establecido no punto 2 do artigo quinto desta resolución, o alumnado seleccionado deberá entrar de novo na aplicación para presentar a seguinte documentación:
– Unha copia do DNI ou NIE (esta non será necesaria se a persoa xa foi alumna desa escola).
– O xustificante de ser persoal das diferentes administracións públicas de Galicia en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dunha/dun filla/o ou dunha/dun familiar.
– Para o curso medio de linguaxe administrativa, algún dos certificados establecidos no número 3 do punto décimo desta resolución.
– Para o curso superior de linguaxe administrativa, algún dos certificados establecidos no número 4 do punto décimo desta resolución.
– Certificado que acredite que a persoa está gozando ou gozou nos últimos dous anos dunha licenza de maternidade, un permiso de paternidade, unha redución de xornada ou unha excedencia para o coidado de familiares, de ser o caso.
– Certificado acreditativo do grao de discapacidade, de ser o caso.
2. As listaxes de persoas admitidas serán remitidas á coordinación dos cursos para a inclusión do alumnado nas respectivas aulas virtuais. Tamén se remitirán as listaxes de espera. Estas listaxes deberán incluír os seguintes datos: apelido 1, apelido 2, nome, DNI, correo electrónico e teléfono de contacto en columnas distintas, segundo o modelo que proporcionará a Dirección Xeral de Formación Profesional.
3. O alumnado admitido nestes cursos deberá activar correctamente unha conta de usuario «edu.xunta.gal», con carácter previo á data de inicio do curso e dentro do prazo que fixe a coordinación dos cursos. De non facelo así, será excluído do curso e incluirase a persoa correspondente da listaxe de espera.
Décimo segundo. Datas de realización dos cursos
1. Os cursos do primeiro cuadrimestre comezarán o día 30 de setembro de 2024 e rematarán o 1 de decembro de 2024.
2. Os cursos do segundo cuadrimestre comezarán o día 17 de febreiro e rematarán o 27 de abril de 2025.
3. De xeito excepcional, a Dirección Xeral de Formación Profesional poderá modificar as datas de inicio e remate dos cursos establecidas nos números 1 e 2 deste punto, así como as datas de realización das probas finais dos cursos de linguaxe administrativa galega e da publicación das cualificacións, recollidas no número 4 do punto décimo terceiro. Nese caso, o alumnado será informado coa suficiente antelación a través da aula virtual.
Décimo terceiro. Contidos, profesorado, avaliación e probas finais
1. Contidos.
Os cursos medio e superior de linguaxe administrativa galega terán unha duración de 75 horas e axustaranse aos contidos sinalados nos anexos I e II, respectivamente, da Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24 de xuño) pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas.
Todas as actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse, no referente á normativa e ao uso correcto do idioma, tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística, ao establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo do ano 2003.
2. Profesorado.
Corresponderalle ao profesorado dos departamentos didácticos de galego con destino nas escolas oficiais de idiomas titorizar os contidos sinalados na Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24 de xuño), de acordo coa programación didáctica establecida pola Secretaría Xeral da Lingua para estes cursos, así como levar os correspondentes rexistros de asistencia e, cando corresponda, avaliar o alumnado.
Unha vez rematados os cursos, o profesorado deberá entregar nos respectivos gabinetes provinciais de normalización lingüística a acta final do curso asinada polo/a titor/a e, de ser o caso, as probas finais que avaliase xunto cos cadernos de avaliación correspondentes.
3. Avaliación.
A avaliación que se efectúe nestes cursos será progresiva e continua, e terá en conta, entre outros elementos, o dominio da materia, a visualización dos contidos na aula virtual e a realización das actividades e das probas programadas.
Para poder superar os cursos é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:
a) Lectura detallada dos contidos do curso. O alumnado deberá visualizar, como mínimo, o 90 % dos contidos teóricos dispostos nos módulos do curso.
b) Adecuada realización das actividades programadas. O alumnado deberá realizar as seguintes actividades obrigatorias e avaliables:
– Oito tarefas, segundo a disposición e as características que se determinen na guía didáctica do curso.
– Todas as prácticas de autorresolución dispostas nos módulos da teoría.
c) Realización dunha proba final, de carácter presencial, que constará de dúas partes, unha escrita e outra oral.
As actividades enumeradas nas letras a) e b) deben ser realizadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non realización das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar na proba final.
Para adquirir o dereito ao diploma é necesario superar o conxunto das partes, actividades obrigatorias e probas finais, segundo o sistema de avaliación establecido pola Secretaría Xeral da Lingua, e cumprir os demais requisitos sinalados con anterioridade.
4. Probas finais.
As probas finais serán elaboradas pola Secretaría Xeral da Lingua e terán carácter unificado. A proba escrita realizarase de forma presencial nos lugares que se determinen, que serán publicados coa debida antelación, nas datas e nas horas que se indican a seguir:
– A proba final escrita para os cursos do primeiro cuadrimestre realizarase o día 4 de decembro de 2024 ás 10.00 horas, para os cursos de linguaxe media, e ás 12.00 horas, para os cursos de linguaxe superior.
– A proba final escrita para os cursos do segundo cuadrimestre realizarase o día 30 de abril de 2025 ás 10.00 horas, para os cursos de linguaxe media, e ás 12.00 horas, para os cursos de linguaxe superior.
As datas da proba oral serán fixadas por cada EOI e deberá informarse o alumnado cunha antelación mínima dunha semana con respecto á súa realización. Estas datas faranse públicas na aula virtual.
Unha vez rematado o proceso de avaliación, o alumnado poderá consultar a súa cualificación na aplicación, no mesmo enderezo en que fixo a inscrición. A data límite para a introdución das notas na aplicación será o día 19 de decembro de 2024, para os cursos do primeiro cuadrimestre; e o día 14 de maio de 2025, para os cursos do segundo cuadrimestre. Ao alumnado que acade a cualificación de apta/o remitiráselle por correo electrónico o correspondente certificado asinado pola persoa responsable da Secretaría Xeral da Lingua.
Décimo cuarto. Reclamacións
As reclamacións relacionadas coa cualificación outorgada presentaranse ante a dirección da escola respectiva nun prazo de cinco días lectivos, contados a partir do seguinte ao da publicación dos resultados. A dirección da escola remitirá estas reclamacións á Secretaría Xeral da Lingua para que sexan estudadas por unha comisión técnica de avaliación, que estará formada polo/a subdirector/a xeral de Política Lingüística, polo/a coordinador/a de cursos de linguaxes específicas e por dúas persoas lingüistas da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia. Esta comisión emitirá un informe, nun prazo non superior a dez días hábiles, para o que poderá solicitar información do profesorado que titorizou o curso. Este informe servirá de base para a resolución por parte da dirección da escola.
De continuar en desacordo coa cualificación, o alumnado poderá interpoñer un recurso de alzada perante a dirección territorial da consellería competente en materia de educación contra a resolución da dirección da escola, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa recepción.
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024
María Eugenia Pérez Fernández
Directora xeral de Formación Profesional
ANEXO I
Relación de cursos de linguaxe administrativa en liña ofertados
EOI da Coruña.
Rúa da Educación, 1.
15011 A Coruña.
Teléfono: 981 27 91 00.
Correo electrónico: eoi.corunha@edu.xunta.gal
Nivel | Data de inicio |