Formación a persoas desempregadas en situación de colaboración social
O CONCELLO DO PORRIÑO APOSTA POR IMPARTIR FORMACIÓN ÁS PERSOAS DESEMPREGADAS EN SITUACIÓN DE COLABORACIÓN SOCIAL
M. Alejandro Lorenzo, Concelleiro de Emprego e Formación, explica que “o funcionamento deste sistema sería similar ao dun obradoiro de emprego, cunha parte práctica -de traballo- pola que se percibe unha remuneración económica e outra teórica na que se impartiría unha formación profesional acorde coas tarefas realizadas, útil para a súa posterior inserción no mercado laboral”.
Os recentes datos publicados polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) avalan a eficacia do Plan Municipal de Emprego de Porriño ao rexistrarse no pasado mes de xullo o menor número de parados de todo este ano 2011
Un novo concepto para a realización de labores de colaboración social é con que o se traballa no Concello do Porriño. Aínda que se trata de empregar a persoas desempregadas, mentres estas perciben a prestación ou subsidio por desemprego, en labores de utilidade social e en beneficio da sociedade garantíndolle o cobro do salario mínimo interprofesional, dende a Concellaría de Emprego e Formación, que dirixe M. Alejandro Lorenzo, dáse un paso máis en canto a que “todas estas persoas reciban unha formación profesional acorde coas tarefas que realizan, que lles resultará útil para a súa posterior inserción no mercado laboral”, explica o edil.
A aposta do Concello neste sentido reside en que este grupo de persoas, en contraprestación a traballar en servizos de interese social e en beneficio de todo o municipio, poidan adquirir novos coñecementos que lle acheguen unha maior competitividade á hora de afrontar a procura activa de emprego e a súa inserción no mercado de traballo. “O funcionamento deste sistema sería similar ao dun obradoiro de emprego, cunha parte práctica -de traballo- pola que se percibe unha remuneración económica e outra teórica na que se adquire unha formación profesional, acorde á demanda do mercado laboral, impartida por monitores especializados, que controlarán e asistirán en todo momento ao usuario”, subliña Lorenzo.
Xullo, o mes do ano con menor número de desempregados.
O novo Plan Municipal de Emprego, posto en marcha este ano polo Concello do Porriño na súa aposta polo fomento e xeración de postos de traballo, colleita día a día uns bos resultados e é que os recentes datos publicados polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) avalan a eficacia do mesmo ao rexistrarse en xullo o menor número de parados de todo o ano 2011 (2.200), cunha taxa do 11,85%; un mes no que 157 persoas abandonaron a lista do paro para incorporarse ao mercado laboral, “moitas delas grazas ás ofertas tramitadas directamente dende a Concellaría de Emprego e Formación, dende onde traballamos a diario na procura de postos de traballo mediante a xestión de contactos con empresas de Porriño e toda a súa área de influencia”, puntualiza Lorenzo.
Acorde con este dato de número de persoas desempregadas tamén se dá a coñecer o número de contratos realizados, máis de 1.300, converténdose Porriño, só por detrás das urbes de Vigo e Pontevedra, no municipio da provincia no que máis contratos se realizaron.