Subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas, para o ano 2023
RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas, para o ano 2023, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2021-2027 (código de procedemento IN417Y).
O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 10.000,00 € por actuación, o IVE non está incluído.
Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes. Cada solicitude recollerá un único proxecto técnico que pode constar dunha soa actuación ou de varias actuacións homoxéneas executadas nunha mesma localización e que se valorarán de xeito conxunto.
Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:
a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.
Para os efectos destas bases terase en conta a definición de empresa recollida no anexo I do Regulamento 651/2014 segundo a cal considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, pública ou privada, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia, corresponder a entidades incluídas no ámbito de actuación destas bases e, en concreto, das actividades recollidas na alínea a) deste artigo e amparadas polo Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.
Para poder ser destinatarias últimas das axudas, estas empresas deberán actuar en función dun contrato de servizos enerxéticos con algunha entidade das indicadas na alínea a) e deberán contar en todo caso co visto e prace do titular da instalación, por se a concesión da axuda dese lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.
Máis información en:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230505/AnuncioG0474-200423-0002_gl.html