Datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2023,
Fixar as seguintes datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), convocadas mediante a Resolución do 28 de febreiro de 2023:
– Celga 4, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:
13 de maio de 2023, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: V, W, X, Y, Z, A, B, C, D, E, F e G.
14 de maio de 2023, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T e U.
– Celga 3, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:
20 de maio de 2023, para todas as persoas admitidas.
– Celga 2, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:
21 de maio de 2023, para todas as persoas admitidas.
– Celga 1, en Santiago de Compostela:
3 de xuño de 2023, para todas as persoas admitidas.
Os centros de realización das probas serán:
– En Santiago de Compostela: o IES Antonio Fraguas Fraguas (Celga 4, Celga 3 e Celga 2) e a Escola Galega de Administración Pública (Celga 1).
– En Ponferrada: a Escola Oficial de Idiomas desta localidade (Celga 4, Celga 3 e Celga 2).
As probas comezarán ás 9.00 horas, polo que as persoas admitidas deberán presentarse no centro que lles corresponda con antelación suficiente. Na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias) tamén se poderá consultar esta información, así como as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada nivel e localidade. Así mesmo, na web publicarase, na semana das probas correspondentes, a porta de acceso ao centro e mais a aula asignada a cada persoa para a realización da proba escrita. No caso daquelas persoas ás cales, atendendo a causas xustificadas, se lles concedese algún tipo de adaptación ou apoio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística comunicaralles directamente o día, a porta de acceso e mais a aula que se lles asigne.
Respecto da proba oral de cada nivel Celga, lémbrase que esta terá lugar o mesmo día que a proba escrita. A hora concreta en que cada persoa deberá estar presente para realizar esta proba publicarase no centro correspondente, así como na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, unha vez que remate a proba escrita.