¿Xa es usuario do servizo? Identifícate

Medidas adoptadas polo Goberno para aliviar a situación das familias por mor do Covid 19

13/04/2020
MEDIDAS ADOPTADAS POLO GOBERNO PARA ALIVIAR A SITUACIÓN POLO COVID 19 PARA AS FAMILIAS

CONSUMIDORES:

1. Non se poderá suspender o subministro de auga, luz nin gas aos consumidores. O período no que estea en vigor o estado de alarma non computará a efectos dos prazos de requirimento do pago e de suspensión do subministro pola falta de pagamento.

2. Prórroga de forma automática do bono social ata o 15 de setembro de 2020 no caso de vencemento.

3. Garantirase a continuidade dos servizos de telecomunicacións e a súa calidade. Quedan paralizadas as portabilidades.

4. Interrupción dos prazos para a devolución de produtos comprados online ou presencialmente.

5. Se por causa do estado de alarma, os contratos de compra venda ou de servizos resultasen de imposible cumprimento, a persoa usuaria terá dereito a resolver o contrato durante un prazo de 14 días sempre que non se puideran obter propostas de revisión por ambas partes baseadas na boa fe. Se o cumprimento do contrato resultase imposible a empresa está obrigada a restituír as sumas aboadas pola persoa consumidora.  Para os contratos de servizos de tracto sucesivo a empresa poderá ofrecer opcións de recuperación do servizo a posteriori e unicamente se a persoa consumidora non aceptase, se procedería á devolución dos importes xa aboados e non gozados ou ben a minorar futuros importes. A empresa se absterá de cobrar novos importes ata que o servizo poda prestarse con normalidade sen que supoña a resolución do contrato, excepto se as dúas partes o acordasen.

XERAL:

1. As familias beneficiarias dunha bolsa ou axuda de comedor durante o curso escolar que se atopen afectados polo peche dos centros educativos terán dereito as axudas económicas ou á prestación directa de distribución dos alimentos. Serán os Servizos Sociais os que o leven a cabo.

2. Queda renovada a validez do DNI ata o 13 de marzo de 2021.

3. Quedan suspendidos e interrompidos os prazos procesuais, con excepcións, que se retomarán unha vez finalizado o estado de alarma.

4. Quedan suspendidos o prazos administrativos, con excepcións, que se retomarán unha vez finalizado o estado de alarma.

ALUGUER:

1. Suspensión do procedemento de desafiuzamento e dos lanzamentos para fogares vulnerables sen posibilidades de realoxamento previa demostración nos Xulgados que se atopan en situación de vulnerabilidade social ou económica a consecuencia da emerxencia ocasionada polo Covid 19.

2. Prórroga extraordinaria dos contratos de arrendamento de vivenda habitual por un período de 6 meses para as persoas en situación de vulnerabilidade. Poderá solicitarse ata dous meses despois da finalización do estado de alarma e será a persoa arrendataria quen o solicite á persoa arrendadora e esta última quen acceda.

3. As persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade social ou económica a consecuencia da emerxencia ocasionada polo Covid 19, poderán solicitar un aprazamento do pago no aluguer da súa vivenda habitual á persoa arrendadora cando esta sexa unha empresa, unha entidade pública de vivenda ou alguén que teña máis de 10 inmobles urbanos ou unha superficie construída de máis de 1.500 m2 ata o un de maio. A persoa arrendataria ten 10 días para comunicar a súa decisión e pode escoller entre:

a. Reducir un 50% a renda durante o tempo que dure o estado de alarma e ata un máximo de 4 meses despois da finalización se o prazo fose insuficiente dada a situación de vulnerabilidade.
b. Aprazar o pago da renda durante o tempo que dure o estado de alarma e ata un máximo de 4 meses despois da finalización se o prazo fose insuficiente dada a situación de vulnerabilidade.

4. As persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade social ou económica a consecuencia da emerxencia ocasionada polo Covid 19 poderán solicitar un aprazamento do pago no aluguer da súa vivenda habitual á persoa arrendadora nos casos non recollidos anteriormente. Esta ten 7 días para comunicar a decisión e as posibles alternativas.

5. Para todas as persoas arrendatarias que se atopen na dita situación de vulnerabilidade o Estado desenvolverá unha liña ICO para que as entidades bancarias podan ofrecer préstamos de ata 6 anos, sen custos nin xuros, que cubrirán un importe máximo de ata 6 mensualidades da renda.

6. Fixarase un novo programa de axudas ao alugueiro chamado “Programa de ayudas para contribuir a minimizar el impacto económico y social do Covid 19 en los alquileres de vivienda habitual”. Este programa adxudicará de forma directa axudas de ata 900 euros ao mes aínda que será a Xunta quen fixará a contía. Os beneficiarios serán as persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade social ou económica a consecuencia da emerxencia ocasionada polo Covid 19.

7. “Programa de ayuda a las víctimas de violencia de género, a las personas objeto de desahucio de su vivienda habitual, a las personas sin hogar y a otras especialmente vulnerables”. Establécense axudas para estes colectivos co gallo de facilitar unha solución de vivenda inmediata. Serán beneficiarios estas mesmas persoas e as institucións sen ánimo de lucro cuxo obxecto sexa dotar dunha solución da vivenda.

HIPOTECA:

As persoas que teñan hipoteca da vivenda habitual, de vivendas nas que os empresarios desenvolvan a súa actividade económica ou nas que o arrendador deixara de recibir a renda por mor da crise do Covid 19 poden solicitar a moratoria da hipoteca sempre que demostren que se atopan en situación de vulnerabilidade. Poderán solicitar a persoa acredora ata 15 días despois do fin do estado de alarma e acompañarana coa documentación necesaria para xustificar a situación. A persoa acredora ten 15 días para proceder a súa implementación se cumpre os requisitos. Durante o tempo que dure a suspensión, non se xerarán xuros.

PRÉSTAMOS:

Cando o préstamo estea contratado por unha persoa física en situación de vulnerabilidade polos motivos que quedan recollidos na lei poderá solicitar a suspensión do pago ao acredor ata un mes despois do fin do estado de alarma xustificando a situación con documentación necesaria. A mesma situación para avalistas e fiadores. Unha vez realizada a solicitude e presentada a documentación, a persoa acredora suspenderá automaticamente o préstamo.

VÍCTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO:

Os servizos para as vítimas de violencia de xénero terán a consideración de esenciais e polo tanto as Administracións Públicas adoptarán as medidas necesarias para garantilos (atención telefónica 24h, orientación xurídica, psicolóxica e social, centros de emerxencia, acollida, pisos tutelados e aloxamentos seguros).


Fontes:
RD 463/2020, de 14 de marzo, por el que se declara el estado de alarma para la gestión de la situación de crisis sanitaria ocasionada por el COVID-19. https://bit.ly/2K1Ylre
RD-L 7/2020, de 12 de marzo, por el que se adoptan medidas urgentes para responder al impacto económico del COVID-19. https://bit.ly/3egMYtb
RD-L 8/2020, de 17 de marzo, de medidas urgentes extraordinarias para hacer frente al impacto económico y social del COVID-19. https://bit.ly/2JRO5BE
RD-L 11/2020, de 31 de marzo, por el que se adoptan medidas urgentes complementarias en el ámbito social y económico para hacer frente al COVID-19. https://bit.ly/3ef1FgE
RD-L 12/2020, de 31 de marzo, de medidas urxentes en materia de protección y asistencia a las víctimas de violencia de género. https://bit.ly/2yfGo5F
<< Ver anterior    |    Ir ao listado    |    Ver seguinte >>